miércoles, 27 de diciembre de 2006

PECHADO POR VACACIÓNS

Até o próximo día 8 de xaneiro este blog permancerá pechado por vacacións!!!

Tan só desexarvos FELICES FESTAS E UN VENTUREIRO ANO 2007!!!


SAÚDOS MUSICAIS!

jueves, 21 de diciembre de 2006

Festival de nadal da EMMeD de Ribadeo


O venres 22 ás oito e media da tarde terá lugar no Auditorio Municipal "Hernán Naval" de Ribadeo o festival de nadal da EMMeD de Ribadeo. Unha cita coa maxia, a fantasía e a ilusión a través da música. Nada máis podemos contar porque a esencia do festival é a sorpresa así que xa saben, a cita mañá venres, alí os agardamos!!!!!

domingo, 17 de diciembre de 2006

Ribadeo celebra o nadal con cultura



O nadal trae á vila de Ribadeo unha apretada axenda cultural para todas as idades. Dende o próximo venres día vintedous o Auditorio Municipal Hernán Naval vaise converter no epicentro cultural da localidade. Velaquí un resumo da programación cultural para as vacacións de nadal:
- Venres 22 de nadal ás 20.30 Festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo
- Sábado 23 de nadal ás 20.45 Festival de Panxoliñas (esta actividade terá lugar na Igrexa Parroquial)
- Martes 26 de nadal ás 18.00 Nadal Máxico 2006 cos magos Teto, Benxamín, Pablo e Javier Muro
- Mércores 27 de nadal ás 16.30 Sarabela Teatro presenta "A gata con botas" dirixida por Ánxeles Cuña
- Xoves 28 e venres 29 de nadal a partires das 17.00 Espectáculo formativo CIENCIA DIVERTIDA, ("A idade do xeo" e "Náufrago")
- Venres 29 de nadal ás 22.00 Ciclo de Concertos Músicas Posíbeis a cargo de Cristina Domínguez
e xa en xaneiro...
- Martes 2 de xaneiro chega a Ribadeo a "Xabaxira 2007", chega o porco bravo, chega o Xabarín Clube da Galega
- Xoves 4 de xaneiro concerto da nadal - aninovo da Banda Municipal de Ribadeo "Aquí como en Viena"
- Domingo 7 de xaneiro teatro. O Centro Dramático Galego pon en escena "O regreso ao deserto" de Koltés.
Lapis e calendario na man e a marcar en vermello os días que hai actividades!!!
Estas actividades están organizadas dende a Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo en colaboración coa administración autonómica e coas diversas organizacións culturais e musicais da vila de Ribadeo.

martes, 12 de diciembre de 2006

Dúas corais amigas


As corais polifónicas "Xan Mella" de Baio e a de Ribadeo son as protagonistas do III Memorial Pepe Valiña que se celebra na localidade coruñesa de Baio (Zas) este próximo sábado día 16 ás nove da noite na Igrexa Parroquial de Baio.
Para máis información botade un ollo neste blog...
http://coralxanmella.blogspot.com

recordade que polo medio de todo este tinglado anda un vello amigo da BMR, Coté e deseñando a cartelaría un pedazo artista como é Chenchu.

lunes, 11 de diciembre de 2006

Éxito da exposición de instrumentos musicais de Abraham Cupeiro no Mercado de Nadal


Os máis de trescentos instrumentos do mundo que Abraham Cupeiro mostrou esta pasada ponte festiva en Ribadeo foron un dos principais alicientes do exitoso mercado de nadal que se celebrou en Ribadeo ao longo desta ponte festiva e no que participaron ducias de artesáns de Galicia e de Asturies. Boa parte dos visitantes ficaron abraiados co material exposto e coas didácticas explicacións que Abraham Cupeiro fixo ao longo dos cinco días que estivo aberto o Mercado. Entre as actividades complementarias houbo un taller de construción de instrumentos musicais con abelás e noces, entre outros, así como unha demostración da construción dunha trompeta barroca. Nestes talleres participaron diferentes alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo así como outras nenas e nenos de diferentes idades.
O responsábel da área de desenvolvemento local e primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, destacou a importante afluencia de público que participou no Mercado de Nadal e salientou que dende o primeiro día as previsións de asistencia máis optimistas xa estaban desbordadas.
Diferentes grupos da EMMeD de Ribadeo foron os encargados de pechar musicalmente o Mercado de Nadal.
Esta actividade estivo organizada pola Área de Desenvolvemento Local do Excmo. Concello de Ribadeo en colaboración coa Concellaría de Cultura (da que depende a EMMeD de Ribadeo) a Consellaría de Medio Rural, o Centro Comercial Aberto de Ribadeo e a Asociación Puente de los Santos, a través da Iniciativa Comunitaria Leader +.
Na foto pódese ver como os máis pequenos tamén teñen arte para facer instrumentos musicais a partir dun carabouxo, froito dun carballo.

martes, 5 de diciembre de 2006

Exposición de instrumentos de música do mundo "Viaxa no tempo connosco"




Baixo o título "Un nadal de artesanía e música" a delegación de desenvolvemento local do Concello de Ribadeo, en colaboración coa delegación municipal de Cultura, a Consellaría do Medio Rural, a Asoc. Puente de los Santos e o Centro Comercial Aberto de Ribadeo, poñen en marcha unha nova edición do tradicional mercado de nadal que se celebrará entre os días 6 e 10 deste mes de decembro.
Ao longo de todos estes días estará aberta ao público tamén unha exposición de instrumentos do mundo de Abraham Cupeiro. Máis de trescentos instrumentos musicais de diversas partes do planeta dos que o propio autor da exposición falará, tocará e incluso ensinará a construír.
A cita, non a perdades, na carpa situada no parque municipal todos os días ás doce do mediodía e ás oito da tarde.

Ponte musical en Ribadeo

Ao longo desta gran ponte vacacional co gallo do día da Constitución e da Inmaculada Ribadeo vaise converter no epicentro musical da comarca.
O venres, día oito, ás nove da noite, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, concerto de piano e violoncello a cargo de María Ángeles Ríos e Álvaro Quintanilla.
E o domingo día dez, turno para a danza coa compañía Experimenta Danza que vai poñer en escena o seu espectáculo "Meltemi".
Tamén o domingo día dez, no mercado de nadal de Ribadeo, na carpa instalada no Parque, concerto de diversas agrupacións da EMMeD de Ribadeo (grupo de guitarras, cuarteto de clarinetes, cuarteto de metal e dous grupos de piano)
Támén sinalar que a EMMeD de Ribadeo interrompe as súas clases até o próximo luns día 11 de decembro, mentres que a banda vai ensaiar os días 7, 8 e 9 de decembro a partires das oito do serán para preparar a actuación que a BMR vai ofrecer o próximo catro de xaneiro en Ribadeo

domingo, 3 de diciembre de 2006

A Asamblea anual da Asoc. Amadores da Música xa ten data

A Asamblea Anual da Asociación Amadores da Música de Ribadeo celebrarase previsibelmente o próximo sábado día 23 de nadal, véspera de noiteboa. Nun principio esta é a data que se baralla dende a Asoc. Amadores da Música e case con toda seguridade vai ser elixida. De todolos xeitos iremos informando puntualmente tanto da hora, o lugar así como a confirmación da data. Recordar a importancia da participación de todos os socios na Asamblea.

viernes, 1 de diciembre de 2006

Miki Nervio and The Bluesmakers en Ribadeo


O máis destacado do blues americano de comezos do século pasado vai aterrar esta noite en Ribadeo da man da lexendaria banda de blues galega Miki Nervio & The Bluesmakers. Liderada por Miguel Anxo Montes, "Miki Nervio", esta banda leva anos combinando o blues tradicional con temas propios, cunha grande calidade de son e ritmo, algo que fixo posíbel que acadasen un notábel éxito de público e de crítica.
Participaron no Festival de Blues das Illas Açores, no Matosinhos Jazz de Portugal así como en diferentes festivais de jazz de Galicia.
A cita ás dez da noite no Auditorio Municipal Hernán Naval!!!!!

Antes ás 19.30 concerto en Rinlo do coro infantil do Colexio "Sagrado Corazón" dentro do ciclo de música nas parroquias Máis perto de ti, un proxecto ao que pouco a pouco se van sumando novas formacións musicais da vila para dinamizar a vida nas parroquias. Na Igrexa Parroquial de Rinlo.

lunes, 27 de noviembre de 2006

Noraboa á Coral Polifónica de Ribadeo

Dende a dirección de MUSIQUEANDO e por ende, dende a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e dende a Banda Municipal de Ribadeo (BMR) damos a noraboa á Coral Polifónica de Ribadeo pola consecución da Medalla de Ouro do Concello de Ribadeo. Un distintivo que vén recoñecer a importante labor que esta formación leva facendo pola música na vila dende fai máis de cincuenta anos.
Permitídenos que, compartindo local de ensaios, compartindo músic@s e tamén moitas actuacións nós sintamos tamén como noso un anaquiño desa medalla...
de corazón, felicidades e ogallá podamos compartir moitas máis actuacións xuntos!!!!

viernes, 24 de noviembre de 2006

Esta noite Sempre se Fixo en concerto


Esta noite tócalle o turno ao blues o ciclo de concertos Músicas Posíbeis que organiza a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo. O grupo local Sempre se fixo, con tres membros relacionados coa Banda Municipal de Ribadeo e coa Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo (Xavier Fdez. á bataría, Prisco á guitarra e Cherry ao baixo) ten unha cita no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo ás dez e media da noite co blues de calidade.
E preparádevos que hai moitas sorpresas preparadas porque non van estar sós no escenario...e até vai soar o Purito Blues...

miércoles, 22 de noviembre de 2006

Se tendes algo que dicir, dicídeo con música...


"La música es sinónimo de libertad, de tocar lo que quieras y como quieras, siempre que sea bueno y tenga pasión, que la música sea el alimento del amor", Kurt Cobain


Músicos, aficionados á música, mestres de música, pedagogos musicais, e todos os que habitamos este fermoso universo, FELICIDADES, neste día dos músicos (de Sta. Cecilia no calendario cristián)


MUSIQUEANDO

jueves, 16 de noviembre de 2006

Cambio de última hora con relación ao concerto de Sta. Cecilia da EMMeD

A dirección da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo informa que fica suspendido o concerto que, co gallo da celebración de Sta. Cecilia, ían celebrar o próximo venres día 24 alumnos e alumnas do centro. O motivo non é senón que esa fin de semana diversos alumn@s e profesor@s da Escola teñen compromisos musicais con formacións propias. Por este motivo as actuacións previstas para este concerto resérvanse para o espectáculo de nadal que se está preparando e que terá lugar, se todo vai segundo o previsto, o próximo 22 de decembro.
Polo de agora anotade as citas da próxima fin de semana para ir facendo ocos na axenda:
o venres 24 no Auditorio Hernán Naval, Sempre se fixo and friends
o sábado 25 tamén no Auditorio Hernán Naval, Coral POlifónica de RIbadeo
e o domingo teatro...
así que xa sabedes, a próxima fin de semana, cultura a eito!!!

miércoles, 15 de noviembre de 2006

Todo listo para o concerto de Sta. Cecilia da BMR


Este sábado ás oito e media da tarde no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo a Banda Municipal de Ribadeo (BMR) vai celebrar o seu tradicional concerto co gallo da celebración da festividade de Sta. Cecilia, patroa dos músicos.
A formación que dirixe Lourenço Cruz vai incluír no seu programa unha das obras máis aplaudidas polo público ribadense ao longo da historia da BMR e que xa levaba algúns anos fóra do seu repertorio, trátase da fantasía latina El Camino Real de Alfred Reed. Xunto con esta obra un pasodobre clásico, Ponteareas do mestre Reveriano Soutullo e unha marcha lusa coa que a BMR se presentara en Loures (Portugal) aló polo 1996, Comendador, de Amilcar Morais. Xunto con estas obras a obertura de concerto Appalachian Overture e unha estrea, a dunha obra que de seguro ha de ser ben coñecida por todos, un popurrí dos lexendarios QUEEN baixo o título God save the queen...
Recorden, a cita, o sábado, o lugar o auditorio, a hora, as oito e media, o evento, a BMR en concerto!!!!
E sinalar tamén que por mor deste concerto o que ía ofrecer a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo este venres trasládase ao día 24 de novembro. Terán máis información neste blog e na prensa diaria.

lunes, 13 de noviembre de 2006

Hoxe comeza o XVI Festival de Jazz de Lugo


Esta tarde ergue o pano na cidade de Lugo a decimosexta edición do seu festival de jazz que se vai prolongar até o próximo día dezaoito. O Círculo das Artes, o Auditorio Caixa Galicia e a Sala Clavicembalo serán os lugares nos que teñan lugar os concertos. O programa é o seguinte:
13 de novembro
JAY WALLIS. Auditorio Caixa Galicia. 20:00h.
ALEXIS CUADRADO BROOKLYN QUINTET (con John Ellis, Alan Ferber, Brad Shepik y Mark Ferber). Círculo das Artes. 21:30h.
HOMENAJE A LOUIS ARMSTRONG. Sala Clavicémbalo. 23:30h.
14 de novembro
MARCELON MERCADANTE TRÍO. Auditorio Caixa Galicia. 20:00h.
PHILIP CATHERINE TRÍO. Círculo das Artes. 21:30h.
STROMBOLI. Sala Clavicémbalo. 23:30h.
15 de novembro
JEREZ-TEXAS. Auditorio Caixa Galicia. 20:00h.
PATRICIA BARBER QUARTET. Círculo das Artes. 21:30h.
SON 3. Sala Clavicémbalo. 23:30h.
16 de novembro
A BLAST OF FUNK'N'FUSION: JEFF LORBER, RICKY LAWSON, TOM KENNEDY & GARY MEEK. Círculo de Artes. 20:30h.
MARCOS PIN TRÍO con THANOS ATHANASOPOULOS. Sala Clavicémbalo. 23:30h.
17 de novembro
MARC COPLAND TRÍO & TIM HAGANS. Círculo de Artes. 20:30h.
TEN JAZZ MEN. Sala Clavicémbalo. 00:00h.
18 de novembro
CHRISTIAN McBRIDE BAND. Círculo de Artes. 20:30h.
TEN JAZZ MEN. Sala Clavicémbalo. 00:00h.

sábado, 11 de noviembre de 2006

A Big -Band da EMMeD de Ribadeo hoxe en Reinante

Logo da súa actuación no veciño concello asturiano de Navia a Big -Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo continúa esta tarde en Santiago de Reinante (Barreiros) o seu periplo de concertos deste curso 2006 - 07. Será no marco do magosto que organiza o recentemente creado Colectivo Cultural Ollomao e a actuación comezará arredor das oito e media da tarde nos locais nos que se ubicaba a Oficina de Turismo de Barreiros (xusto no límite de concello, a carón do campamento da Devesa) Haberá castañas e viño para todos os asistentes así como unha serie de xogos populares e proxeccións.
Alí nos vemos!!!! e recordade que xa está moi preto o concerto da banda co gallo de Sta. Cecilia...

viernes, 10 de noviembre de 2006

Noite de Concertos en Ribadeo


Hoxe é noite de concertos en Ribadeo. Para comezar nada mellor cá presentación da segunda tempada do ciclo de actuacións Máis perto de ti que organizan en conxunto a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo. Trátase dunha proposta que parte do convencemento de que a cultura é un ben universal que debe ser accesíbel a todas as persoas. Para elo foméntase o achegamento das actividades da Escola ás parroquias do concello. Esta noite toca Arante ás 20.30 na Escola da parroquia.
E logo de que actúen os rapaces e rapazas da EMMeD de Ribadeo a cita está no Auditorio Municipal Hernán Naval. Alí, a partires das dez da noite, vai actuar unha das máis singulares propostas que ofrece o jazz galego do momento, Sol de Farofa. Este grupo, que conta entre os seus membros con destacados músicos do panorama musical do país como son Quim Farinha de Berrogüeto, Héctor Lorenzo ou a impresionante voz de Najla Shami. Unha fusión de jazz, bossa nova e folk coa que pretenden captar ao público nunha actuación que se caracteriza pola súa intimidade e sinxeleza
Xa sabedes, hoxe a axenda a tope, ás oito e media en Arante Máis perto de ti e ás dez da noite no Auditorio, Sol de Farofa, organizado pola delegación de Cultura e pola Consellaría de Cultura e Deporte

martes, 7 de noviembre de 2006

Preséntase en Compostela o circuito musical 4x4


Máis dun cento de técnicos de cultura e de concelleiros de diversos municipios de Galicia están convidados este sábado día 11 á presentación oficial do circuito musical 4x4 que pon en marcha a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM)
Trátase dun proxecto de programación musical para os concellos que vai estar operativo a partir de xaneiro do próximo ano e no que van participar 16 formacións de diversos estilos do panorama musical galego. O obxectivo non é senón achegar a música que se está facendo en Galicia a todas as vilas do país, coa intención de que nese traballo tamén se implique a administración local. Deste xeito preténdese consolidar unha programación estábel nos concellos sexa cal sexa a súa dimensión.
Os grupos que van formar parte dos circuitos son:
  • música tradicional: leilía, ruote, os carunchos e serralhe - aí!!!!
  • canción de autor: espido, marful, xabier díaz e nordestin@s
  • con - fusións: talabarte, marcos teira, trío kin garcía e rao trío
  • tradicional instrumental: linho do cuco, dani bellón e diego maceiras, edelmiro fernández e fernández e quintá.

A gala do sábado tamén está aberta ao público e vai contar coa presenza do incombustíbel Xurxo Souto, director de programas da Radio Galega e bo coñecedor da realidade musical do noso país.

sábado, 4 de noviembre de 2006

A Banda Municipal de Ribadeo actuará en Tarragona



A Banda Municipal de Ribadeo (BMR), dirixida polo mestre Lourenço Cruz, foi seleccionada para participar no “I Certamen de Bandes de Música Vila de la Sénia“ de Tarragona que se vai celebrar na Casa da Cultura desta localidade catalana os días 3 e 4 de marzo do vindeiro ano 2007. Neste certame, organizado pola Agrupació Musical Senienca, a municipal ribadense vai compartir escenario con formacións de alto nivel do resto do estado. Polo número de músicos cos que conta, a BMR vai participar na 1ª sección, algo que a obriga a levar no seu repertorio, xunto cun pasodobre e con outra obra de libre elección, a espectacular Manhattan Pictures de Jan Van der Roost. É este un autor xa coñecido tanto polos músicos da BMR como polo público ribadense. A formación que dirixe Lourenço Cruz xa ten interpretado outros temas deste compositor, entre eles a exitosa selección Brasiliana ou a marcha Arsenal, dúas obras frecuentes no repertorio da BMR.

jueves, 2 de noviembre de 2006

O cantautor Caco Senante actúa mañá venres en Vegadeo

A Casa da Cultura do veciño concello de Vegadeo acollerá mañá ás oito e media do serán un concerto do cantautor canario Caco Senante.
Bo coñecedor da música sudamericana este músico profesional dende 1975 ten traballado con importantes nomes da canción latinoamericana como Rubén Blades ou Pablo Milanés. Ao longo da súa carreira Caco Senante tamén ten realizado destacadas colaboracións con artistas do nivel de Joaquín Sabina entre outros. Durante unha tempada da súa carreira compaxinou a música cun pequeno papel na serie de televisión Farmacia de Guardia.
Xa sabedes, a cita, mañá venres, ás oito e media na Casa da Cultura de Vegadeo.

lunes, 30 de octubre de 2006

Xa queda menos para que comece a segunda parte de "Máis perto de ti"

A parroquia de Arante será o primeiro destino desta nova xeira de concertos que a delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo e a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo deron en chamar "Máis perto de ti". Será o próximo día dez de novembro na escola de Arante.
Para os que non coñezan os obxectivos deste proxecto trátase de achegar o traballo que se fai dentro da EMMeD de Ribadeo a todas e todos as e os veciños do Concello. Deste xeito téntase espallar a afición á música por todos os recunchos do concello así como dinamizar a vida cultarl das parroquias. Unha iniciativa que precisa de tempo para chegar ás masas pero que parte dunha concepción universalista da música e non cunha idea desta como un elemento elitista e reservado á vila e á súa actividade cultural.
Vémonos en Arante!!!! E despois aínda estaremos en Piñeiro, nos Bestilleiros.....

viernes, 27 de octubre de 2006

A BMR e a EMMeD de Ribadeo esta noite en Localia ORT

O director da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e da Banda Municipal de Ribadeo (BMR), Lourenço Cruz, así como o responsábel da revista oficial da Escola e da Banda, Suso López, participarán esta noite no programa de Localia ORT "Plató Aberto". Nel darán a coñecer o traballo que se realiza a nivel educativo - musical tanto na EMMeD coma na Banda así como a revista e o blog que se puxeron en marcha ao longo dos últimos tempos.
Así que xa sabedes, ao rematar o concerto de Carmen Rey co seu espectáculo Fuera (ás dez da noite no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo) a cita está en Localia ORT a partir das once da noite.
E recordade que agardamos polas vosas críticas e cometarios aos concertos que organiza a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo...Terán premio!!!!

lunes, 23 de octubre de 2006

Carmen Rey presenta en Ribadeo o seu novo traballo, FUERA


Continúa en Ribadeo o ciclo MÚSICAS POSÍBEIS que organiza a delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo. Logo dos ritmos melódico - harmónicos de Espido tócalle agora o turno a unha das grandes voces do panorama musical galego, Carmen Rey. Esta artista, que conxuga no seu repertorio ritmos funk, jazz, soul ou da música de baile, vai presentar o próximo venres ás dez da noite no Auditorio Municipal "Hernán Naval" o seu primeiro disco, Fuera. Nel conta coa colaboración de artistas tan prestixiosos coma Nani García, Roberto Somoza ou Xavier Díaz e todos os temas están escritos pola cantante. Na actualidade Carmen Rey atópase gravando o seu segundo traballo discográfico, integramente en galego.

domingo, 22 de octubre de 2006

Éxito da actuación da Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Navia

A Big -band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo saíu onte pola porta grande da Igrexa Parroquial de Navia logo da súa actuación na localidade asturiana. Como xa se anunciara neste blog anteriormente, a formación que dirixe Marcos Rodríguez, acudía a Navia convidada pola Asociación Cultural Amigos del Concierto. Tanto o trato recibido por parte da organización como a boa impresión que causou a agrupación ribadense fan máis que previsíbel unha nova visita a Navia no futuro.

sábado, 21 de octubre de 2006

Concerto da Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Navia


A Big -Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo actúa hoxe sábado ás oito e media da tarde na Igrexa Parroquial de Navia. A formación que dirixe Marcos Rodríguez foi convidada pola Asociación Amigos del Concierto, unha asociación da vila asturiana coa que tanto formacións vencelladas á EMMeD de Ribadeo como a propia Banda Municipal de Ribadeo (BMR) xa teñen colaborado noutras ocasións.
Jazz clásico, blues e ritmos latinos soarán este serán en Navia, na Igrexa Parroquial a partires das 20.30.
Alí vos agardamos...
E lembrarvos que seguimos agardando as vosas colaboracións para o próximo número da revista no mail
musiqueando_ribadeo@hotmail.com
Saúdos musicais...

martes, 17 de octubre de 2006

Seminario de Composición de Música de Cine



A Fundación Paideia Galiza, a Deputación de A Coruña e o Estudo de Gravación Mans organizan un seminario de composición de música de cine os próximos días 2, 3,4 e 5 de novembro no Centro de Iniciativas Empresariais Mans de A Coruña.
Está dirixido polo músico e compositor Sergio Moure así como polo orquestrador e compositor Ernesto Briceño e entre o plantel de especialistas que van participar na iniciativa atópanse profesionais como Nani García, compositor da banda sonora do último proxecto audiovisual de MiguelAnxo Prado De Profundis así como premio Mestre Mateo 05 do Audiovisual Galego pola b.s.o. de As Leis de Celavella; Stephen Warbeck, Óscar da Academia do Cinema de Hollywood pola b.s.o de Shakespeare in Love; e Javier Ferreiro, músico de Luar na Lubre e técnico de son especialista en Pro Tools, entre outros.
O curso está dirixido a profesionais vencellados ao mundo da música e estrutúrase nunha parte práctica e noutra teórica.
Máis información na web: www.mans-paideia.com/seminario_musica
Alí tamén poderedes ollar os distintos proxectos que a fundación ofrece aos grupos de música noveis que son realmente interesantes

lunes, 16 de octubre de 2006

Concerto de Espido no Auditorio Municipal Hernán Naval

Íntimo, sinxelo, puro e directo do corazón ao público. Así se pode definir o espectáculo que ESPIDO - Guadi Galego e Guillermo Fernández - ofreceu o pasado venres no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. Fixérono como saben, sen abalorios, con tan só unha guitarra, a de Guillermo, e unha voz, a de Guadi. Dela nada máis se pode dicir que non saibamos xa. Escoitar a Guadi Galego significa situarse diante dunha das mellores, se non a mellor, voz da música galega actual. A súa frescura no escenario e o seu excepcional dominio da voz son as súas mellores cartas de presentación. Pola súa banda, Guillermo, soberbio. Coñece mellor cá ninguén a voz da súa compañeira e sabe sacarlle o máximo partido posíbel cando a acompaña á guitarra. Se por separado non hai dúbida de que son dous dos grandes do panorama musical do país, xuntos calquera dúbida ofende. Porque ESPIDO é un proxecto de futuro que achega aire novo á música galega. ESPIDO é un recuncho para a tranquilidade, para o disfrute, un recuncho deses dos que cada vez fican menos nas nosas vidas. Yolanda Castaño, no prólogo do disco xa o anunciaba, "Cando sobran as modas, os adubíos, é tempo para o ESPIDO", nós tan só o confirmamos.´
Mágoa que tan só medio cento de persoas quixesen espirse diante desta nova proposta musical. Mentres, a pouco máis de dez quilómetros de Ribadeo, en Barreiros, arredor de cinco mil "deleitábanse" con David Civera, Natalia de OT ou La Década Prodigiosa. Castelao limitaríase a dicir, "cousas da vida"
Suso López, director de MUSIQUEANDO

viernes, 13 de octubre de 2006

hoxe venres, ensaio da BMR e logo concerto de Espido


Hoxe venres, 13 de outubro, hai ensaio da Banda Municipal de Ribadeo, e logo o grupo de Guadi Galego e Guillerme Fernández (membros de Berrogüeto) Espido, ofrece un concerto no Auditorio Municipal "Hernán Naval" de Ribadeo, a partir das dez da noite. Nel van presentar o seu primeiro traballo discográfico, do que tendes información no último número de Musiqueando, e que tamén se titula Espido.
Agardamos que cheguen á redacción do nosa revista os textos nos que nos digades qué vos pareceu unha actuación que promete.
E unha corrección, o concerto da Big - Band en Navia non é mañá senón o próximo sábado día 21. Desculpas polas molestias causadas.
Saúdos musicais!!!

sábado, 7 de octubre de 2006

A Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Lourenzá

A Big -Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo actúa mañá domingo ás 13.30 en Vilanova de Lourenzá no marco das actividades que se levan a cabo co gallo da Festa da Faba. A formación ribadense dirixida polo profesor Marcos Rodríguez vai amosar na vila laurentina o seu programa onde se mesturan o jazz clásico con temas de blues ou de jazz latino. Esta non é a única actuación da Big -Band durante estes días xa que o próximo sábado vai actuar en Navia (Asturias)

viernes, 6 de octubre de 2006

Xa está na rúa o segundo número de Musiqueando


Logo do parón dos meses de verán xa está na rúa o segundo número da revista oficial da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e da Banda Municipal de Ribadeo (BMR), Musiqueando.
Desta volta facemos especial fincapé no inicio de curso da EMMeD de Ribadeo así coma no repaso á actividade de verán que se levou a cabo tanto na propia Escola coma na Banda.
Xa podes conseguir o teu número nas dependencias da EMMeD de Ribadeo e da BMR, sitas na Casa do Mar, na Rúa Clemente Martínez Pasarón de Ribadeo.
E recorda que tes ao teu dispor o noso enderezo electrónico: musiqueando_ribadeo@hotmail.com

En breves terás máis noticias da Escola e da Banda nun blog no que agardamos os teus comentarios.
Saúdos musicais!

sábado, 29 de julio de 2006

A banda e a escola....por fin na rede!!!


Nos tempos que corren Musiqueando non podía ficar só como unha revista en papel, era obvio que tarde ou cedo se tiña que producir o seu salto á rede e por fin, logo de case un ano dándolle voltas á cabeza aquí está http://musiqueandoribadeo.blogspot.com , a plataforma virtual da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e da Banda Municipal de Ribadeo (BMR).
A nosa intención, logo deste primeiro contacto de presentación, e mantervos informados de todo canto acontece tanto na EMMeD de Ribadeo coma na BMR a través deste portal.
Un saúdo musical e até a próxima