viernes, 17 de diciembre de 2010

FESTIVAL DE NADAL 2010


A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este sábado, día 18 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval, o seu tradicional festival de Nadal.

Trátase dunha das actuacións clásicas na programación cultural do Nadal ribadense e unha das que goza de maior afluencia de público. En total serán 13 as agrupacións que pasarán por riba do escenario nunha tarde-noite na que os ritmos clásicos deixarán paso ás panxoliñas, ao pop, ao soul e máis aos éxitos do momento. Grupos de guitarras, de pianos, de danza, de metais, saxos, clarinetes, percusión, un grupo tradicional ou unha orquestra clásica son as formacións que van actuar nun concerto que coma todos os anos virá cargado de sorpresas e de momentos especiais cos que poñer punto e final ao primeiro trimestre na EMMeD de Ribadeo.

martes, 23 de noviembre de 2010

DATAS DE ACTUACIÓNS

ACTIVIDADES NO MERCADO DE NADAL

- Sábado 4 de decembro ás 20.00 h. actuación de diversas agrupacións instrumentais.

- Domingo 5 de decembro ás 20.00 h. actuación do Cuarteto Tradicional Illa Pancha.

- Luns 6 de decembro ás 19.30 h. actuación do alumnado de danza e ballet.


Así mesmo, o concerto anunciado para o día 3 de decembro de diversas agrupacións do Conservatorio de Música "Xan Viaño" de Ferrol, queda aprazado por circunstancias alleas ao centro, ata novo aviso

miércoles, 10 de noviembre de 2010

ACTIVIDADES DO 1º TRIMESTRE

As actividades que a continuación se citan son as que oficialmente se realizarán durante o primeiro trimestre sen perxuízo de que poida xurdir algunha outra que sexa de interese.
Darase cumprida información dos ensaios a realizar con suficiente antelación por parte do profesorado implicado.

•Concerto de Santa Cilla - 24 novembro ás 20.00 h. no claustro do centro.

•Actuacións no Mercado de Nadal – entre o 4 e 8 de decembro no Parque Municipal (datas concretas aínda sen confirmar).

•Festival de Nadal – 18 de decembro ás 18.00 h. no Auditorio Municipal Hernán Naval.

Así mesmo, o venres 3 de decembro, ás 20.00 h. no Auditorio Municipal Hernán Naval, haberá un concerto de alumnas/os do Conservatorio Profesional "Xan Viaño" de Ferrol, onde actuarán a Banda, Orquestra e Coro do centro.

Agardamos a vosa presenza.

miércoles, 20 de octubre de 2010

TITORÍAS 2010-2011

- Olalla Canoura: Luns de 20.30 a 21.00 h.
Venres de 20.30 a 21.00 h.

- Valentín Prieto (Prisco): Luns de 17.00 a 17.30 h.
Martes de 17.15 a 17.30 h.
Xoves de 15.45 a 16.00 h.

- Martín Bucki: Martes de 16.00 a 16.45 h.
Xoves de 22.00 a 22.15 h.

- Marcos Rodríguez: Luns de 16.45 a 17.30 h.
Mércores de 18.45 a 19.00 h.

- Luis Rodil: Luns de 12.45 a 13.15 h.
Martes de 21.00 a 21.30 h.

- Dolores Fernández: Mércores de 13.00 a 14.00 h.

- Rubén Solloso: Venres de 19.00 a 20.00 h.

- Ismael Porto: Mércores de 15.00 a 15.30 h.
Venres de 15.00 a 15.15 e 16.00 a 16.15 h.

- David Ballester: Luns de 16.00 a 16.30 h.
Mércores de 16.00 a 16.30 h.

- Hugo García: Luns de 19.00 a 19.30 h.
Xoves de 18.00 a 18.30 h.

- Tamara García: Luns de 20.30 a 21.00 h.
Martes de 20.30 a 20.45 h.
Mércores de 20.30 a 20.45 h.

- María Justo: Venres de 16.30 a 17.30 h.

- Montserrat Expósito: Martes de 14.30 a 15.30 h.

- Juan Barcón: Mércores de 17.45 a 18.30 e 20.45 a 21.00 h.

martes, 21 de septiembre de 2010

PRESENTACIÓN DO CURSO 2010-2011

Benqueridos pais, nais e alumnos/as da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo:


Dámosvos a benvida ao novo curso escolar 2010/2011. Como todos os anos o noso compromiso é o de ir avanzando na mellora do centro, para o cal é imprescindible a vosa colaboración. Partindo desta premisa convocámosvos a unha reunión o vindeiro venres 24 de setembro, ás 20.00 h. no propio centro, na que trataremos os seguintes temas:


-Presentación oficial do curso.

-Información da situación actual do centro.

-Fixación do calendario para marcación das clases.


Para maior comodidade, adiantamos os horarios que se seguirán os días de asignación de clases:

-Luns 27 setembro: Iniciación á música, piano, percusión, frauta

-Martes 28 setembro: Guitarra, clarinete, oboe, fagot, violonchelo, canto, vento metal

-Mércores 29 setembro: Acordeón, gaita, violín, saxofón

Para todas as materias, o horario para marcar as clases será o seguinte:
Alumnado 1º curso – 17.30-18.00 h.
Alumnado 2º curso – 18.00-18.30 h.
Alumnado 3º curso – 18.30-19.00 h.
Alumnado 4º curso – 19.00-19.30 h.
Alumnado 5º curso – 19.30-20.00 h.
Alumnado 6º, G. P. e adultos – 20.00-20.30 h.

Así mesmo, o alumnado que aínda non escollera horario de linguaxe musical ou teña calquera tipo de dúbida, poderá falar co profesor correspondente durante eses días.


Agardando a vosa presenza, recibide un cordial saúdo.




A Dirección

miércoles, 15 de septiembre de 2010

DERRADEIRO PRAZO DE MATRÍCULA!!!

Desde hoxe 15 de setembro e ata o vindeiro día 22, estará aberta a matrícula para aquelas persoas que aínda non a realizaran. O horario será de 10.00 a 13.00 de luns a venres nas propias instalacións do centro.

lunes, 28 de junio de 2010

PRAZO DE MATRÍCULA

O vindeiro 1 de xullo, abrirase o prazo de matrícula na EMMD de Ribadeo para o novo alumnado que desexe realizar estudos en calquera das especialidades ofertadas o próximo curso. Os impresos formalizaranse no propio centro en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata o 15 de xullo.

Así mesmo, as alumnas e alumnos que estudaron este curso no centro, e xa formalizaron a matrícula, poden pasar a recollelas durante o mesmo prazo.

jueves, 24 de junio de 2010

Pecha a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo...


25 de xuño de 2010, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo producirase o peche da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo... por vacacións e ate o mes de setembro, que ninguén se asuste. A EMMeD baixa o telón ao grande, cun festival de fin de curso que mantén a súa vocación de demostrar o feito durante todo o curso 2009/2010 e de divertir ás e aos que se acheguen ao Auditorio.
Por vez primeira todo o festival estrutúrase en base a agrupacións mixtas, algunhas xa existentes e outras creadas para a ocasión, que darán conta dun repertorio que non deixará indiferente a ninguén. Dos instrumentos das alumnas e alumnos da EMMeD sairán as notas de Misión Imposible, da Máquina de Escribir, da Primavera de Vivaldi, dun pasadobre que soará despois dun tango ou dos filmes da factoría Disney. Pero a música non virá soa senón acompañada da danza co cal o espectáculo será aínda maior. Un concerto que promete “moitas sorpresas e gratas lembranzas do que foi este ano” e ao que o claustro de profesoras e profesores da EMMeD de Ribadeo quere convidar a todos e todas as ribadenses.

jueves, 17 de junio de 2010

AVISO!!!


Amigas e amigos, unha vez máis, precisamos da vosa colaboración:

As persoas que teñades fotos de audicións, concertos, ensaios... de calquera agrupación da EMMD durante este curso, as enviedes ao enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.es ou as entreguedes no despacho de Dirección.


Moitas grazas

miércoles, 9 de junio de 2010

RECITAL DE PERCUSIÓN


O vindeiro luns 14 de xuño ás 20.30 horas, alumnas e alumnos de percusión dos Conservatorios Profesionais de Música de Monforte, Lugo e A Coruña, ofrecerán un concerto nas instalacións do centro.
Todos eles cursan o último curso do Grao Profesional da especialidade.

Convidámosvos a todas e todos a asistir ao mesmo.

martes, 8 de junio de 2010

COMEZA O PRAZO DE MATRÍCULA!!!

Estimados alumnos/as, pais e nais:

Estando a piques de rematar o presente curso escolar, poñémonos en contacto con vós para informar de que o vindeiro día 10 de xuño, abrirase o prazo de matrícula para o curso 2010-2011. Este só é para o alumnado que cursou estudos no presente curso.
O horario de matrícula será de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, e os sábados de 11.00 a 13.00 horas no despacho de dirección da EMMeD. O prazo para formalizalas rematará o 24 de xuño.

Así mesmo, os horarios das clases colectivas están expostas no taboleiro de anuncios do centro. Estes horarios son inamovibles e poderanse escoller no momento de realizar a matrícula.

martes, 27 de abril de 2010

ACTIVIDADES 3º TRIMESTRE

CALENDARIO ESCOLAR

Días non lectivos:
Ademais das festas de ámbito nacional e da Comunidade Autónoma, consideraranse non lectivos segundo o calendario escolar os seguintes:

- 18 de maio de 2010


Para resolver calquera dúbida, poden consultar o calendario que está colgado no taboleiro de anuncios do centro.


ACTIVIDADES DO TERCEIRO TRIMESTRE

As actividades que a continuación se citan son as que oficialmente están previstas realizar durante o terceiro trimestre sen perxuízo de que poida xurdir algunha outra que sexa de interese.
Darase cumprida información dos ensaios a realizar con suficiente antelación por parte do profesorado implicado.

Concertos na rúa: - 10 abril ás 20.00 h. a cargo dun grupo de profesores da EMMeD
- 17 abril ás 12.00 h. a cargo do alumnado da EMMeD.

Audicións:
- Danza/Ballet: 29 abril ás 20.30 h. no Auditorio Municipal Hernán Naval.
- Corda: 3 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Iniciación á música: 4 maio ás 20.30 h. no Auditorio Municipal Hernán Naval.
- Acordeón/Canto/Gaita: 5 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Saxofón: 6 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Frauta/Oboe/Fagot: 7 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Guitarra: 10 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Vento-metal: 11 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Percusión: 12 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Piano: 13 maio ás 20.30 h. na EMMeD.
- Clarinete: 14 maio ás 20.30 h. na EMMeD.

Exames de instrumento – do 31 de maio ao 5 de xuño.
Exames danza/ballet – 5 de xuño.
Exames de linguaxe musical – do 7 ao 10 de xuño.

Festival de Fin de curso – 25 de xuño ás 20.00 h. no Auditorio Municipal Hernán Naval.

miércoles, 10 de febrero de 2010

Bota a camiñar a II edición do Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval



















Xa está aberta a inscrición para a II edición do Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval que se vai celebrar os vindeiros 1 e 2 de maio de 2010. O evento está organizado pola delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Deputación de Lugo a través da súa Vicepresidencia Primeira - Cultura e máis a Asociación Cultural Musiqueando. O prazo de inscrición estará aberto até o 16 de abril. Para máis información pódese chamar ao teléfono 982130856 ou ben no enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.es
Adxúntase tríptico coas bases así como foto da presentación á que asistiron Mari Luz Álvarez Lastra (concelleira de Muller e Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo), Teresa González (presidenta da Asoc. Amadores da Música) e máis Suso López (presidente a AC Musiqueando).

viernes, 5 de febrero de 2010

CONCERTO BENÉFICO

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, entidades organizadoras do concerto solidario que se celebrou en Ribadeo co fin de recadar fondos para axudar ás vítimas do terremoto de Haití, entregaron onte mércores os 2000 euros (dous mil euros) que conseguiron tanto coa venda de entradas como coa Fila 0 que estivo aberta no Banco Pastor. Os cartos conseguidos ingresáronse na conta da Cruz Vermella en Lugo, que mostrou dende o primeiro momento o seu apoio a esta actividade, para que sexan destinados ás tarefas de reconstrución do país latinoamericano
As entidades organizadoras queren facer público o seu agradecemento a todas aquelas persoas ou entidades que fixeron posíbel o desenvolvemento dun concerto que contou co apoio e o traballo desinteresado do persoal do Auditorio Municipal Hernán Naval, de Gráficas Ribadeo e máis do claustro de profesoras e profesores da EMMeD de Ribadeo. Así mesmo destacan a boa predisposición mostrada en todo momento polas alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música e Danza á hora de planificar ensaios co fin de preparar o concerto. Pero, sen dúbida, o maior agradecemento queren transmitilo ás persoas que se achegaron ao Auditorio Municipal Hernán Naval para presenciar o concerto e a todas e todos aqueles que depositaron os seus donativos na Fila Cero ao longo destes quince días.

martes, 26 de enero de 2010

ANTROIDO 2010

QUERES PARTICIPAR NA CHARANGA DA EMMeD DE RIBADEO?

PODES ANOTARTE EN DIRECCIÓN ATA O SÁBADO DÍA 30 DE XANEIRO.
AS/OS ALUMNAS/OS CON IDADE INFERIOR AOS 9 ANOS DEBERÁN IR ACOMPAÑADOS DO SEU PAI/NAI OBRIGATORIAMENTE.

O PRIMEIRO ENSAIO QUE REALIZAREMOS SERÁ O SÁBADO 30 DE XANEIRO ÁS 16.00 h. NO COLEXIO GREGORIO SANZ.

O DISFRAZ SERÁ DE MEXICANOS. O MATERIAL NECESARIO SERÁ: UN PONCHO E UN SOMBREIRO MEXICANO.

CALQUERA DÚBIDA QUE TEÑADES PODEDES RESOLVELA EN DIRECCIÓN.

martes, 19 de enero de 2010

AVISO IMPORTANTE!

Por motivos alleos á organización do evento, o Concerto Benéfico que se ía celebrar o vindeiro venres día 22 de xaneiro ás 20.30 horas no Cine Teatro trasládase ao Auditorio Municipal Hernán Naval.

Este concerto está organizado pola Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Asociación Cultural Musiqueando e máis o Concello de Ribadeo.

O obxectivo principal desta actuación é a recollida de fondos para axudar ás vítimas do sismo ocorrido en Haití polo que se fai un chamamento á participación masiva das e dos ribadenses. O diñeiro obtido pola venda de entradas, a un prezo de cinco euros, será doado á Cruz Vermella que levará a cabo traballos de axuda á reconstrución do país.

lunes, 18 de enero de 2010

CONCERTO BENÉFICO

O vindeiro venres, día 22 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Cine Teatro de Ribadeo celebrarase un concerto solidario co fin de recadar fondos para axudar ás vítimas do terremoto acontecido en Haití a pasada semana. Esta actividade está organizada pola Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música (entidade promotora da Banda Municipal de Ribadeo), a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo.
O obxectivo principal deste evento é a recollida de fondos para axudar ás vítimas do sismo ocorrido en Haití polo que dende a organización se fai un chamamento á participación masiva das e dos ribadenses para respaldar coa súa presenza o apoio, dende a distancia, da vila de Ribadeo ao pobo haitiano.
O diñeiro obtido pola venda de entradas, a un prezo de cinco euros, será doado á CRUZ VERMELLA que levará a cabo traballos de axuda á reconstrcción do país unha vez que rematen as tarefas de retirada dos cascallos e máis de soterramento dos milleiros de mortos que deixa tras de si esta catástrofe natural. Así mesmo prestarán atención tanto médica como sicolóxica ás persoas que saíron vivas da traxedia. A cruz vermella forma parte da Coordinadora galega de ONG´s.
A organización pon en marcha tamén unha Fila Cero co obxectivo de que aquelas persoas que así o desexen ingresen alí o seu donativo malia que non podan asistir ao concerto. A conta estará aberta ao longo deste semana e até o 25 de xaneiro no Banco Pastor co número 0072 0207 11 0000104948.
Alén deste obxectivo principal, as entidades organizadoras fixeron fincapé noutro dos piares que moven a organización deste acto: fomentar o espírito de solidariedade entre as mozas e mozos que forman parte tanto da EMMeD de Ribadeo coma da Banda Municipal ribadense. Esta non é a primeira ocasión na que alumnas e alumnos da Escola e máis da Banda se suman a actos con fins solidarios e tanto dende o centro educativo coma dende a Banda mostran a súa disposición a seguir traballando nesta liña non só en momentos puntuais coma este, tamén ao longo de todo o ano alimentando a conciencia crítica dos rapaces e rapazas e convidándoos a poñer o seu gran de area para lograr un mundo máis xusto e igualitario.