lunes, 30 de octubre de 2006

Xa queda menos para que comece a segunda parte de "Máis perto de ti"

A parroquia de Arante será o primeiro destino desta nova xeira de concertos que a delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo e a Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo deron en chamar "Máis perto de ti". Será o próximo día dez de novembro na escola de Arante.
Para os que non coñezan os obxectivos deste proxecto trátase de achegar o traballo que se fai dentro da EMMeD de Ribadeo a todas e todos as e os veciños do Concello. Deste xeito téntase espallar a afición á música por todos os recunchos do concello así como dinamizar a vida cultarl das parroquias. Unha iniciativa que precisa de tempo para chegar ás masas pero que parte dunha concepción universalista da música e non cunha idea desta como un elemento elitista e reservado á vila e á súa actividade cultural.
Vémonos en Arante!!!! E despois aínda estaremos en Piñeiro, nos Bestilleiros.....

viernes, 27 de octubre de 2006

A BMR e a EMMeD de Ribadeo esta noite en Localia ORT

O director da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e da Banda Municipal de Ribadeo (BMR), Lourenço Cruz, así como o responsábel da revista oficial da Escola e da Banda, Suso López, participarán esta noite no programa de Localia ORT "Plató Aberto". Nel darán a coñecer o traballo que se realiza a nivel educativo - musical tanto na EMMeD coma na Banda así como a revista e o blog que se puxeron en marcha ao longo dos últimos tempos.
Así que xa sabedes, ao rematar o concerto de Carmen Rey co seu espectáculo Fuera (ás dez da noite no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo) a cita está en Localia ORT a partir das once da noite.
E recordade que agardamos polas vosas críticas e cometarios aos concertos que organiza a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo...Terán premio!!!!

lunes, 23 de octubre de 2006

Carmen Rey presenta en Ribadeo o seu novo traballo, FUERA


Continúa en Ribadeo o ciclo MÚSICAS POSÍBEIS que organiza a delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo. Logo dos ritmos melódico - harmónicos de Espido tócalle agora o turno a unha das grandes voces do panorama musical galego, Carmen Rey. Esta artista, que conxuga no seu repertorio ritmos funk, jazz, soul ou da música de baile, vai presentar o próximo venres ás dez da noite no Auditorio Municipal "Hernán Naval" o seu primeiro disco, Fuera. Nel conta coa colaboración de artistas tan prestixiosos coma Nani García, Roberto Somoza ou Xavier Díaz e todos os temas están escritos pola cantante. Na actualidade Carmen Rey atópase gravando o seu segundo traballo discográfico, integramente en galego.

domingo, 22 de octubre de 2006

Éxito da actuación da Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Navia

A Big -band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo saíu onte pola porta grande da Igrexa Parroquial de Navia logo da súa actuación na localidade asturiana. Como xa se anunciara neste blog anteriormente, a formación que dirixe Marcos Rodríguez, acudía a Navia convidada pola Asociación Cultural Amigos del Concierto. Tanto o trato recibido por parte da organización como a boa impresión que causou a agrupación ribadense fan máis que previsíbel unha nova visita a Navia no futuro.

sábado, 21 de octubre de 2006

Concerto da Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Navia


A Big -Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo actúa hoxe sábado ás oito e media da tarde na Igrexa Parroquial de Navia. A formación que dirixe Marcos Rodríguez foi convidada pola Asociación Amigos del Concierto, unha asociación da vila asturiana coa que tanto formacións vencelladas á EMMeD de Ribadeo como a propia Banda Municipal de Ribadeo (BMR) xa teñen colaborado noutras ocasións.
Jazz clásico, blues e ritmos latinos soarán este serán en Navia, na Igrexa Parroquial a partires das 20.30.
Alí vos agardamos...
E lembrarvos que seguimos agardando as vosas colaboracións para o próximo número da revista no mail
musiqueando_ribadeo@hotmail.com
Saúdos musicais...

martes, 17 de octubre de 2006

Seminario de Composición de Música de Cine



A Fundación Paideia Galiza, a Deputación de A Coruña e o Estudo de Gravación Mans organizan un seminario de composición de música de cine os próximos días 2, 3,4 e 5 de novembro no Centro de Iniciativas Empresariais Mans de A Coruña.
Está dirixido polo músico e compositor Sergio Moure así como polo orquestrador e compositor Ernesto Briceño e entre o plantel de especialistas que van participar na iniciativa atópanse profesionais como Nani García, compositor da banda sonora do último proxecto audiovisual de MiguelAnxo Prado De Profundis así como premio Mestre Mateo 05 do Audiovisual Galego pola b.s.o. de As Leis de Celavella; Stephen Warbeck, Óscar da Academia do Cinema de Hollywood pola b.s.o de Shakespeare in Love; e Javier Ferreiro, músico de Luar na Lubre e técnico de son especialista en Pro Tools, entre outros.
O curso está dirixido a profesionais vencellados ao mundo da música e estrutúrase nunha parte práctica e noutra teórica.
Máis información na web: www.mans-paideia.com/seminario_musica
Alí tamén poderedes ollar os distintos proxectos que a fundación ofrece aos grupos de música noveis que son realmente interesantes

lunes, 16 de octubre de 2006

Concerto de Espido no Auditorio Municipal Hernán Naval

Íntimo, sinxelo, puro e directo do corazón ao público. Así se pode definir o espectáculo que ESPIDO - Guadi Galego e Guillermo Fernández - ofreceu o pasado venres no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. Fixérono como saben, sen abalorios, con tan só unha guitarra, a de Guillermo, e unha voz, a de Guadi. Dela nada máis se pode dicir que non saibamos xa. Escoitar a Guadi Galego significa situarse diante dunha das mellores, se non a mellor, voz da música galega actual. A súa frescura no escenario e o seu excepcional dominio da voz son as súas mellores cartas de presentación. Pola súa banda, Guillermo, soberbio. Coñece mellor cá ninguén a voz da súa compañeira e sabe sacarlle o máximo partido posíbel cando a acompaña á guitarra. Se por separado non hai dúbida de que son dous dos grandes do panorama musical do país, xuntos calquera dúbida ofende. Porque ESPIDO é un proxecto de futuro que achega aire novo á música galega. ESPIDO é un recuncho para a tranquilidade, para o disfrute, un recuncho deses dos que cada vez fican menos nas nosas vidas. Yolanda Castaño, no prólogo do disco xa o anunciaba, "Cando sobran as modas, os adubíos, é tempo para o ESPIDO", nós tan só o confirmamos.´
Mágoa que tan só medio cento de persoas quixesen espirse diante desta nova proposta musical. Mentres, a pouco máis de dez quilómetros de Ribadeo, en Barreiros, arredor de cinco mil "deleitábanse" con David Civera, Natalia de OT ou La Década Prodigiosa. Castelao limitaríase a dicir, "cousas da vida"
Suso López, director de MUSIQUEANDO

viernes, 13 de octubre de 2006

hoxe venres, ensaio da BMR e logo concerto de Espido


Hoxe venres, 13 de outubro, hai ensaio da Banda Municipal de Ribadeo, e logo o grupo de Guadi Galego e Guillerme Fernández (membros de Berrogüeto) Espido, ofrece un concerto no Auditorio Municipal "Hernán Naval" de Ribadeo, a partir das dez da noite. Nel van presentar o seu primeiro traballo discográfico, do que tendes información no último número de Musiqueando, e que tamén se titula Espido.
Agardamos que cheguen á redacción do nosa revista os textos nos que nos digades qué vos pareceu unha actuación que promete.
E unha corrección, o concerto da Big - Band en Navia non é mañá senón o próximo sábado día 21. Desculpas polas molestias causadas.
Saúdos musicais!!!

sábado, 7 de octubre de 2006

A Big - Band da EMMeD de Ribadeo en Lourenzá

A Big -Band da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo actúa mañá domingo ás 13.30 en Vilanova de Lourenzá no marco das actividades que se levan a cabo co gallo da Festa da Faba. A formación ribadense dirixida polo profesor Marcos Rodríguez vai amosar na vila laurentina o seu programa onde se mesturan o jazz clásico con temas de blues ou de jazz latino. Esta non é a única actuación da Big -Band durante estes días xa que o próximo sábado vai actuar en Navia (Asturias)

viernes, 6 de octubre de 2006

Xa está na rúa o segundo número de Musiqueando


Logo do parón dos meses de verán xa está na rúa o segundo número da revista oficial da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e da Banda Municipal de Ribadeo (BMR), Musiqueando.
Desta volta facemos especial fincapé no inicio de curso da EMMeD de Ribadeo así coma no repaso á actividade de verán que se levou a cabo tanto na propia Escola coma na Banda.
Xa podes conseguir o teu número nas dependencias da EMMeD de Ribadeo e da BMR, sitas na Casa do Mar, na Rúa Clemente Martínez Pasarón de Ribadeo.
E recorda que tes ao teu dispor o noso enderezo electrónico: musiqueando_ribadeo@hotmail.com

En breves terás máis noticias da Escola e da Banda nun blog no que agardamos os teus comentarios.
Saúdos musicais!