lunes, 16 de octubre de 2006

Concerto de Espido no Auditorio Municipal Hernán Naval

Íntimo, sinxelo, puro e directo do corazón ao público. Así se pode definir o espectáculo que ESPIDO - Guadi Galego e Guillermo Fernández - ofreceu o pasado venres no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. Fixérono como saben, sen abalorios, con tan só unha guitarra, a de Guillermo, e unha voz, a de Guadi. Dela nada máis se pode dicir que non saibamos xa. Escoitar a Guadi Galego significa situarse diante dunha das mellores, se non a mellor, voz da música galega actual. A súa frescura no escenario e o seu excepcional dominio da voz son as súas mellores cartas de presentación. Pola súa banda, Guillermo, soberbio. Coñece mellor cá ninguén a voz da súa compañeira e sabe sacarlle o máximo partido posíbel cando a acompaña á guitarra. Se por separado non hai dúbida de que son dous dos grandes do panorama musical do país, xuntos calquera dúbida ofende. Porque ESPIDO é un proxecto de futuro que achega aire novo á música galega. ESPIDO é un recuncho para a tranquilidade, para o disfrute, un recuncho deses dos que cada vez fican menos nas nosas vidas. Yolanda Castaño, no prólogo do disco xa o anunciaba, "Cando sobran as modas, os adubíos, é tempo para o ESPIDO", nós tan só o confirmamos.´
Mágoa que tan só medio cento de persoas quixesen espirse diante desta nova proposta musical. Mentres, a pouco máis de dez quilómetros de Ribadeo, en Barreiros, arredor de cinco mil "deleitábanse" con David Civera, Natalia de OT ou La Década Prodigiosa. Castelao limitaríase a dicir, "cousas da vida"
Suso López, director de MUSIQUEANDO

No hay comentarios: