jueves, 31 de mayo de 2007

Máis datos sobre o campamento

En primeiro lugar pedir desculpas porque na entrada anterior colgouse toda a información agás o número de conta para ingresar os cartos e as taxas que se deberán aboar á hora de formalizar a matrícula.

O prezo da inscrición no II Campamento Musical de Verán Ribadeo 2007 é de:

socios e fill@s de socios da Asoc. Amadores da Música: 100 euros

non soci@s: 200 euros

Os cartos deben ser ingresados na conta 0081-5420-32-0001078608 no Banco SabadellAtlántico de Ribadeo.
A conta está a nome da Asociación Amadores da Música e no concepto deben indicar Campamento Musical 2007.

jueves, 24 de mayo de 2007

IMPORTANTE: Inscrición para participar no II Campamento Musical de Verán Ribadeo 2007




Por mor da elevada demanda de información e boletíns de inscrición que se están recibindo na Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo de xente de fóra da provincia e incluso de fóra de Galici para participar no II Campamento Musical de Verán Ribadeo 2007, que se vai celebrar entre os días 6 e 15 de agosto, a Asociación Amadores da Música informa que as e os que o desexen poden descargar deste blog a folla de inscrición para participar na actividade.


O proceso é o seguinte:


1- Preman na imaxe para facela máis grande


2- Cubran os seus datos persoais


3- Remitan o boletín cuberto así como o xustificante de ingreso da cota de inscrición ao seguinte enderezo:




Asociación Amadores da Música


R/Clemente Martínez Pasaron (Casa do Mar) baixo


27700 - Ribadeo




Para máis información non dubiden en chamar ao teléfono 982130856 ou ben escriban un e-mail ao enderezo electrónico musiqueando_ribadeo@hotmail.com


lunes, 21 de mayo de 2007

Aberto o prazo de pre-matrícula na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo mantén aberto o prazo de pre-matrícula durante os meses de maio e xuño para facer unha previsión do número de alumnas e alumnos cos que vai contar o centro o próximo curso 2007/08. Deste xeito coñécese tamén cal vai ser o número de prazas de cada disciplina que se van poder ofertar na convocatoria oficial de matrícula que se vai levar a cabo durante o vindeiro mes de xullo.
A pre-matrícula pode realizarse nas dependencias da EMMeD de Ribadeo, falando co seu director Lourenço Cruz.

jueves, 17 de mayo de 2007

A Banda Municipal de Ribadeo ofrece o seu tradicional concerto co gallo do día das Letras Galegas


A Banda Municipal de Ribadeo (BMR) baixo a batuta do mestre Lourenço Cruz ofrece este sábado, día 19 de maio, ás oito e media do serán no Auditorio Municipal “Hernán Naval”, o seu tradicional concerto das Letras Galegas. Esta cita forma parte, xa dende que en xaneiro de 1992 botara a camiñar a formación, da programación estábel da municipal ribadense ao longo de todo o ano.
Desta volta a BMR estrutura a súa actuación en dúas partes, unha primeira de música sinfónica, composta de xeito orixinal para banda ou ben arranxada especificamente para este tipo de formacións, e unha segunda adicada integramente á música composta en Galicia.
Na primeira parte do concerto a BMR incorpora dúas novas pezas ao seu repertorio, a obertura Ammerland, do mestre Jacob de Haan, e Fantasía para saxo alto e banda de Demmerssemen, co profesor Ismael Porto Barciela como solista, e recupera unha das obras que máis éxito colleitaron entre o público ribadense dende que a BMR se puxo en marcha, unha selección dos mellores fragmentos do musical The Phantom of de Opera, de Andrew Lloyd Webber.
Na segunda parte, como xa vén sendo habitual, a BMR inclúe pezas compostas por autores galegos. É o caso dos dous pasodobres que abren e pechan esta segunda metade da actuación, Lugo-Ferrol, de G. Baudot, e Ponteareas, de R. Soutullo, respectivamente. E no medio volve ao repertorio da municipal ribadense unha das obras máis fermosas que se teñen composto no país, Rosa de Abril, de Andrés Gaos, baseada nun poema de Rosalía de Castro ao que lle vai poñer voz Suso López. A outra obra galega do repertorio é Negra Sombra do lucense Xoán Montes que xunto coa interpretación institucional do Hino Galego pechan o concerto desta noite.

martes, 1 de mayo de 2007

Aberta a inscrición para o II Campamento Musical de Verán Ribadeo 2007


Xa está aberta a inscrición para participar no II Campamento Musical de Verán Ribadeo 2007 que organiza a Asociación Amadores da Música en colaboración coa Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo que se celebrará nas instalacións do CEIP Gregorio Sanz da vila ribadense e que terá lugar entre os días 6 e 15 de agosto de 2007.

A actividade está pensada para nenas e nenos de entre de entre 8 e 17 anos (nados entre os anos 1990 e 1999), que estuden en escolas de música, conservatorios profesionais e centros autorizados nas especialidades de: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, percusión, guitarra e piano.
A inscrición pode facerse dende o día 20 de Abril até o 30 de Xuño.

Para máis información: Escola Municipal de Música de Ribadeo Tlf. 982130856 Fax: 982120589 e-mail: musiqueando_ribadeo@hotmail.com ou ben

A BMR actúa en Lourenzá no marco dunha homenaxe aos músicos da vila


A Banda Municipal de Ribadeo (BMR) pecha hoxe martes, primeiro de maio, o ciclo de concertos que puxo en marcha o concello de Lourenzá para homenaxear a varios músicos da vila que ao longo dos anos formaron parte dos planteis tanto de bandas populares coma de orquestras. Nomes como "Os Foregos" ou "os Petos" son ben coñecidos no panorama musical galego pois son berce de grandes mestres que durante ducias de anos percorreron os camiños e corredoiras das aldeas e vilas do país para levar alí a súa música. Xente que con máis ilusión cá medios sentou as bases da cultura musical da que hoxe goza a nosa terra.

Vaia pois por eles a nosa máis sentida homenaxe e a nosa gratitude pola súa laboura. Na memoria dos que xa non están e para os que aínda seguen entre nós e hoxe van ser recoñecidos publicamente en Lourenzá...


Terra fidalga é a nosa Terra,

tanta, cal linda Deus a quixo dar,

que ben sabe honra facer,

a quen merece honra....