miércoles, 28 de marzo de 2007

Corrección á nota anterior!!!!

Por causas alleas á nosa vontade o concerto do ciclo 'Máis perto de ti' que se vai celebrar en Couxela terá lugar na Igrexa Parroquial desta localidade e non como estaba anuciado na Escola.
Pregamos saiban desculpar as molestias causadas.

Nova cita co ciclo de música nas parroquias 'Máis perto de ti'



A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e a Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo organizan para este xoves día 29 un novo concerto dentro do ciclo de actividade cultural polas parroquias Máis perto de ti. Desta volta será na escola de Couxela ás nove da noite. Na actuación intervirán grupos de piano, de frautas, un dúo de oboes, un trío de violíns, o grupo de clarinetes e o grupo de percusión.
O director da EMMeD de Ribadeo, Lourenço Cruz, salientou a importancia destes concertos “para achegar ás parroquias do concello a actividade musical que se leva a cabo dentro da EMMeD de Ribadeo e motivar así aos nenos e nenas das parroquias a matricularse no centro”. A responsábel de Cultura, a nacionalista Mari-Luz Álvarez Lastra, calificou estes concertos como “vitais tanto para a propia Escola, porque lle permiten amosar o seu traballo a todas e todos os veciños do concello, como para as parroquias que ven deste xeito como aumenta a súa vida cultural”. Tanto Lourenço Cruz coma Álvarez Lastra mostraronse optimistas co resultado deste tipo de concertos e afirmaron que “co paso do tempo e das actuacións comprobamos que cada vez é maior o número de público dos núcleos rurais que se achega a eles”. Ambos e dous deixaron patente o seu compromiso de seguir adiante con esta iniciativa nos meses vindeiros.

Concerto na sede da EMMeD de Ribadeo

O mesmo xoves día 29, ás oito e media da tarde na Casa do Mar, a EMMeD de Ribadeo ofrecerá un concerto de varias das súas formacións antes do comezo das vacacións de Pascua que se van
prolongar até o martes dez de abril. No concerto van participar os alumnos e alumnas do curso de preparatorio así como grupos de metais, de percusión, de percusión, de corda, de guitarras e as alumnas de ballet.
Lourenço Cruz amosouse convencido de que “a realización de concertos deste tipo vai en beneficio dos nenos e nenas porque se acostuman a tocar diante do público e á rutina dos ensaios parapreparar unha actuación”.

miércoles, 21 de marzo de 2007

Nova data do concerto de Semana Santa da BMR



A Banda Municipal de Ribadeo viuse na obriga, por unha serie de circunstancias alleas á súa vontade, de modificar a data para o concerto que tradicionalmente celebra cada ano por Semana Santa. A nova data é o día catro de abril, mércores, no Auditorio Municipal Hernán Naval ás oito e media do serán.

Como xa adiantabamos na entrada anterior este vai ser un concerto moi especial pois a BMR interpretará un programa totalmente renovado no que se inclúen as dúas pezas coas que a formación que dirixe Lourenço Cruz participou no certame de bandas de música Vila de la Sénia, Manhattan Pictures, de Jan Van der Roost e Highlights from Chess, de Ulvaeus e Andersson.

A BMR quere seguir mostrando o seu agradecemento a todas as persoas e institucións que lle fixeron chegar a súa felicitación polo éxito acadado no certame catalán: ao presidente da sociedade estatal de bandas de música, á banda de música de PonteLedesma, á Federación Galega de Bandas, aos medios de comunicación que se interesaron polo noso traballo así como a todas e todos vostedes.

Para tod@s é este concerto!!

martes, 13 de marzo de 2007

Xa hai data para o concerto de Semana Santa da BMR


O día un de abril, domingo de ramos, é o día elixido pola Banda Municipal de Ribadeo para ofrecer o seu tradicional concerto de Semana Santa que este ano terá un "aquel" especial. Alén de ser un dos concertos fixos na programación estábel da municipal ribadense o do próximo primeiro de abril será tamén un concerto de agradecemento a todas e todos aqueles que apoiaron e confiaron na BMR e que lle fixeron saír adiante a pesar de todas as dificuldades. Tan só sabemos agredecer todo isto dun xeito, con música, e así o faremos.
Grazas a tod@s!!!!

jueves, 8 de marzo de 2007

A EMMeD de Ribadeo ofrece o seu apoio ao ciclo "Músicas Posíbeis"



A concelleira de Cultura e Muller, a nacionalista Mari Luz Álvarez Lastra, e o director da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Lourenço Cruz presentaron a programación da nova etapa do ciclo de sons alternativos "Músicas Posíbeis" que comezaba este pasado sábado cun concerto dos locais MedioGramo e a cuxo apoio se suma a EMMeD de Ribadeo. A través dunha serie de bonos de desconto que concede a concellaría de Cultura as e os alumnos do centro educativo-musical ribadense poderán asisitir ás actuacións programadas.

Grupos como Nordestinas, Marful ou os locais Amigos de lo ajeno son algúns dos nomes que desfilarán polo escenario do Auditorio Municipal Hernán Naval até o 23 de xuño.

Tanto Álvarez Lastra coma Lourenço Cruz salientaron a importancia deste tipo de actuacións, non só de cara os alumnos e alumnas da EMMeD senón tamén de cara o público en xeral xa que fomenta o coñecemento de todas as músicas.

miércoles, 7 de marzo de 2007

Agradecemento a David Ballester


"ai dos que levan na fronte unha estrela/ai dos que levan no bico un cantar" - curros enríquez


Hoxe deixou o seu posto de profesor de clarinete na Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, David Ballester Martínez, por razóns de índole estritamente persoais.


Dende Musiqueando queremos facer un agradecemento público ao seu traballo durante estes anos que estivo con nós pola súa inmensa calidade non só como profesional, a que ninguén pode poñer en dúbida, senón sobre todo como persoa.


No nome de tod@s e cada un dos que formamos estas dúas grandes familias que son a Banda Municipal de Ribadeo e a EMMeD de Ribadeo a nosa máis fonda aperta e o noso máis sincero sentimento de gratitude.


Folga dicir que as portas están abertas para que, canto antes, volvas estar con nós.

martes, 6 de marzo de 2007

Grazas a tod@s!!! - La Sénia 07


Grazas por conseguir que todo canto traballo levabamos feito durante os últimos meses dese os seus froitos na tarde do domingo a xeito dun dos nosos mellores concertos.
Grazas por facer disfrutar ao público mentres vós disfrutabades tocando.
E sobre todo grazas por formar unha gran familia que deixou ben alto o nome de Ribadeo en Catalunya.


dous oboes, un corno inglés, cinco frautas, dezaseis clarinetes, sete trompas, cinco trompetas, dous bombardinos, un fagot, dez saxos, tres tubas, cinco trombóns, un contrabaixo, un piano, cinco percusionistas e un director, para todas e todos eles nada mellor cás verbas de Jan Van der Roost:

Banda Municipal de Ribadeo: "orchestra which many excelent players and global qualitees, Bravo!"


Tan só nos queda unha débeda pendente, que o público ribadense consiga emocionarse, como se emocionou o de La Sénia, escoitando Chess.

viernes, 2 de marzo de 2007

Marchamos para La Sénia!!!!


As máis de noventa persoas que compoñen a expedición da Banda Municipal de Ribadeo xa estamos camiño de La Sénia, da nosa participación no I Certame de Bandras de Música Vila de la Sénia .
Queremos agradecer o seu apoio a todas e todos aqueles que nos apoiaron nesta novidosa experiencia, en especial á Delegación de Cultura do Excmo. COncello de Ribadeo, á Sociedade Anónima de Promoción do Xacobeo, á Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, á construtora local José Pulpeiro Doval "Os Gallopiños" así como aos pais, nais e aos músicos da BMR.

Grazas a tod@s