miércoles, 27 de diciembre de 2006

PECHADO POR VACACIÓNS

Até o próximo día 8 de xaneiro este blog permancerá pechado por vacacións!!!

Tan só desexarvos FELICES FESTAS E UN VENTUREIRO ANO 2007!!!


SAÚDOS MUSICAIS!

jueves, 21 de diciembre de 2006

Festival de nadal da EMMeD de Ribadeo


O venres 22 ás oito e media da tarde terá lugar no Auditorio Municipal "Hernán Naval" de Ribadeo o festival de nadal da EMMeD de Ribadeo. Unha cita coa maxia, a fantasía e a ilusión a través da música. Nada máis podemos contar porque a esencia do festival é a sorpresa así que xa saben, a cita mañá venres, alí os agardamos!!!!!

domingo, 17 de diciembre de 2006

Ribadeo celebra o nadal con cultura



O nadal trae á vila de Ribadeo unha apretada axenda cultural para todas as idades. Dende o próximo venres día vintedous o Auditorio Municipal Hernán Naval vaise converter no epicentro cultural da localidade. Velaquí un resumo da programación cultural para as vacacións de nadal:
- Venres 22 de nadal ás 20.30 Festival de Nadal da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo
- Sábado 23 de nadal ás 20.45 Festival de Panxoliñas (esta actividade terá lugar na Igrexa Parroquial)
- Martes 26 de nadal ás 18.00 Nadal Máxico 2006 cos magos Teto, Benxamín, Pablo e Javier Muro
- Mércores 27 de nadal ás 16.30 Sarabela Teatro presenta "A gata con botas" dirixida por Ánxeles Cuña
- Xoves 28 e venres 29 de nadal a partires das 17.00 Espectáculo formativo CIENCIA DIVERTIDA, ("A idade do xeo" e "Náufrago")
- Venres 29 de nadal ás 22.00 Ciclo de Concertos Músicas Posíbeis a cargo de Cristina Domínguez
e xa en xaneiro...
- Martes 2 de xaneiro chega a Ribadeo a "Xabaxira 2007", chega o porco bravo, chega o Xabarín Clube da Galega
- Xoves 4 de xaneiro concerto da nadal - aninovo da Banda Municipal de Ribadeo "Aquí como en Viena"
- Domingo 7 de xaneiro teatro. O Centro Dramático Galego pon en escena "O regreso ao deserto" de Koltés.
Lapis e calendario na man e a marcar en vermello os días que hai actividades!!!
Estas actividades están organizadas dende a Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo en colaboración coa administración autonómica e coas diversas organizacións culturais e musicais da vila de Ribadeo.

martes, 12 de diciembre de 2006

Dúas corais amigas


As corais polifónicas "Xan Mella" de Baio e a de Ribadeo son as protagonistas do III Memorial Pepe Valiña que se celebra na localidade coruñesa de Baio (Zas) este próximo sábado día 16 ás nove da noite na Igrexa Parroquial de Baio.
Para máis información botade un ollo neste blog...
http://coralxanmella.blogspot.com

recordade que polo medio de todo este tinglado anda un vello amigo da BMR, Coté e deseñando a cartelaría un pedazo artista como é Chenchu.

lunes, 11 de diciembre de 2006

Éxito da exposición de instrumentos musicais de Abraham Cupeiro no Mercado de Nadal


Os máis de trescentos instrumentos do mundo que Abraham Cupeiro mostrou esta pasada ponte festiva en Ribadeo foron un dos principais alicientes do exitoso mercado de nadal que se celebrou en Ribadeo ao longo desta ponte festiva e no que participaron ducias de artesáns de Galicia e de Asturies. Boa parte dos visitantes ficaron abraiados co material exposto e coas didácticas explicacións que Abraham Cupeiro fixo ao longo dos cinco días que estivo aberto o Mercado. Entre as actividades complementarias houbo un taller de construción de instrumentos musicais con abelás e noces, entre outros, así como unha demostración da construción dunha trompeta barroca. Nestes talleres participaron diferentes alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo así como outras nenas e nenos de diferentes idades.
O responsábel da área de desenvolvemento local e primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, destacou a importante afluencia de público que participou no Mercado de Nadal e salientou que dende o primeiro día as previsións de asistencia máis optimistas xa estaban desbordadas.
Diferentes grupos da EMMeD de Ribadeo foron os encargados de pechar musicalmente o Mercado de Nadal.
Esta actividade estivo organizada pola Área de Desenvolvemento Local do Excmo. Concello de Ribadeo en colaboración coa Concellaría de Cultura (da que depende a EMMeD de Ribadeo) a Consellaría de Medio Rural, o Centro Comercial Aberto de Ribadeo e a Asociación Puente de los Santos, a través da Iniciativa Comunitaria Leader +.
Na foto pódese ver como os máis pequenos tamén teñen arte para facer instrumentos musicais a partir dun carabouxo, froito dun carballo.

martes, 5 de diciembre de 2006

Exposición de instrumentos de música do mundo "Viaxa no tempo connosco"




Baixo o título "Un nadal de artesanía e música" a delegación de desenvolvemento local do Concello de Ribadeo, en colaboración coa delegación municipal de Cultura, a Consellaría do Medio Rural, a Asoc. Puente de los Santos e o Centro Comercial Aberto de Ribadeo, poñen en marcha unha nova edición do tradicional mercado de nadal que se celebrará entre os días 6 e 10 deste mes de decembro.
Ao longo de todos estes días estará aberta ao público tamén unha exposición de instrumentos do mundo de Abraham Cupeiro. Máis de trescentos instrumentos musicais de diversas partes do planeta dos que o propio autor da exposición falará, tocará e incluso ensinará a construír.
A cita, non a perdades, na carpa situada no parque municipal todos os días ás doce do mediodía e ás oito da tarde.

Ponte musical en Ribadeo

Ao longo desta gran ponte vacacional co gallo do día da Constitución e da Inmaculada Ribadeo vaise converter no epicentro musical da comarca.
O venres, día oito, ás nove da noite, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, concerto de piano e violoncello a cargo de María Ángeles Ríos e Álvaro Quintanilla.
E o domingo día dez, turno para a danza coa compañía Experimenta Danza que vai poñer en escena o seu espectáculo "Meltemi".
Tamén o domingo día dez, no mercado de nadal de Ribadeo, na carpa instalada no Parque, concerto de diversas agrupacións da EMMeD de Ribadeo (grupo de guitarras, cuarteto de clarinetes, cuarteto de metal e dous grupos de piano)
Támén sinalar que a EMMeD de Ribadeo interrompe as súas clases até o próximo luns día 11 de decembro, mentres que a banda vai ensaiar os días 7, 8 e 9 de decembro a partires das oito do serán para preparar a actuación que a BMR vai ofrecer o próximo catro de xaneiro en Ribadeo

domingo, 3 de diciembre de 2006

A Asamblea anual da Asoc. Amadores da Música xa ten data

A Asamblea Anual da Asociación Amadores da Música de Ribadeo celebrarase previsibelmente o próximo sábado día 23 de nadal, véspera de noiteboa. Nun principio esta é a data que se baralla dende a Asoc. Amadores da Música e case con toda seguridade vai ser elixida. De todolos xeitos iremos informando puntualmente tanto da hora, o lugar así como a confirmación da data. Recordar a importancia da participación de todos os socios na Asamblea.

viernes, 1 de diciembre de 2006

Miki Nervio and The Bluesmakers en Ribadeo


O máis destacado do blues americano de comezos do século pasado vai aterrar esta noite en Ribadeo da man da lexendaria banda de blues galega Miki Nervio & The Bluesmakers. Liderada por Miguel Anxo Montes, "Miki Nervio", esta banda leva anos combinando o blues tradicional con temas propios, cunha grande calidade de son e ritmo, algo que fixo posíbel que acadasen un notábel éxito de público e de crítica.
Participaron no Festival de Blues das Illas Açores, no Matosinhos Jazz de Portugal así como en diferentes festivais de jazz de Galicia.
A cita ás dez da noite no Auditorio Municipal Hernán Naval!!!!!

Antes ás 19.30 concerto en Rinlo do coro infantil do Colexio "Sagrado Corazón" dentro do ciclo de música nas parroquias Máis perto de ti, un proxecto ao que pouco a pouco se van sumando novas formacións musicais da vila para dinamizar a vida nas parroquias. Na Igrexa Parroquial de Rinlo.