lunes, 11 de diciembre de 2006

Éxito da exposición de instrumentos musicais de Abraham Cupeiro no Mercado de Nadal


Os máis de trescentos instrumentos do mundo que Abraham Cupeiro mostrou esta pasada ponte festiva en Ribadeo foron un dos principais alicientes do exitoso mercado de nadal que se celebrou en Ribadeo ao longo desta ponte festiva e no que participaron ducias de artesáns de Galicia e de Asturies. Boa parte dos visitantes ficaron abraiados co material exposto e coas didácticas explicacións que Abraham Cupeiro fixo ao longo dos cinco días que estivo aberto o Mercado. Entre as actividades complementarias houbo un taller de construción de instrumentos musicais con abelás e noces, entre outros, así como unha demostración da construción dunha trompeta barroca. Nestes talleres participaron diferentes alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo así como outras nenas e nenos de diferentes idades.
O responsábel da área de desenvolvemento local e primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, destacou a importante afluencia de público que participou no Mercado de Nadal e salientou que dende o primeiro día as previsións de asistencia máis optimistas xa estaban desbordadas.
Diferentes grupos da EMMeD de Ribadeo foron os encargados de pechar musicalmente o Mercado de Nadal.
Esta actividade estivo organizada pola Área de Desenvolvemento Local do Excmo. Concello de Ribadeo en colaboración coa Concellaría de Cultura (da que depende a EMMeD de Ribadeo) a Consellaría de Medio Rural, o Centro Comercial Aberto de Ribadeo e a Asociación Puente de los Santos, a través da Iniciativa Comunitaria Leader +.
Na foto pódese ver como os máis pequenos tamén teñen arte para facer instrumentos musicais a partir dun carabouxo, froito dun carballo.

No hay comentarios: