jueves, 17 de mayo de 2007

A Banda Municipal de Ribadeo ofrece o seu tradicional concerto co gallo do día das Letras Galegas


A Banda Municipal de Ribadeo (BMR) baixo a batuta do mestre Lourenço Cruz ofrece este sábado, día 19 de maio, ás oito e media do serán no Auditorio Municipal “Hernán Naval”, o seu tradicional concerto das Letras Galegas. Esta cita forma parte, xa dende que en xaneiro de 1992 botara a camiñar a formación, da programación estábel da municipal ribadense ao longo de todo o ano.
Desta volta a BMR estrutura a súa actuación en dúas partes, unha primeira de música sinfónica, composta de xeito orixinal para banda ou ben arranxada especificamente para este tipo de formacións, e unha segunda adicada integramente á música composta en Galicia.
Na primeira parte do concerto a BMR incorpora dúas novas pezas ao seu repertorio, a obertura Ammerland, do mestre Jacob de Haan, e Fantasía para saxo alto e banda de Demmerssemen, co profesor Ismael Porto Barciela como solista, e recupera unha das obras que máis éxito colleitaron entre o público ribadense dende que a BMR se puxo en marcha, unha selección dos mellores fragmentos do musical The Phantom of de Opera, de Andrew Lloyd Webber.
Na segunda parte, como xa vén sendo habitual, a BMR inclúe pezas compostas por autores galegos. É o caso dos dous pasodobres que abren e pechan esta segunda metade da actuación, Lugo-Ferrol, de G. Baudot, e Ponteareas, de R. Soutullo, respectivamente. E no medio volve ao repertorio da municipal ribadense unha das obras máis fermosas que se teñen composto no país, Rosa de Abril, de Andrés Gaos, baseada nun poema de Rosalía de Castro ao que lle vai poñer voz Suso López. A outra obra galega do repertorio é Negra Sombra do lucense Xoán Montes que xunto coa interpretación institucional do Hino Galego pechan o concerto desta noite.

No hay comentarios: