miércoles, 28 de marzo de 2007

Nova cita co ciclo de música nas parroquias 'Máis perto de ti'



A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo e a Concellaría de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo organizan para este xoves día 29 un novo concerto dentro do ciclo de actividade cultural polas parroquias Máis perto de ti. Desta volta será na escola de Couxela ás nove da noite. Na actuación intervirán grupos de piano, de frautas, un dúo de oboes, un trío de violíns, o grupo de clarinetes e o grupo de percusión.
O director da EMMeD de Ribadeo, Lourenço Cruz, salientou a importancia destes concertos “para achegar ás parroquias do concello a actividade musical que se leva a cabo dentro da EMMeD de Ribadeo e motivar así aos nenos e nenas das parroquias a matricularse no centro”. A responsábel de Cultura, a nacionalista Mari-Luz Álvarez Lastra, calificou estes concertos como “vitais tanto para a propia Escola, porque lle permiten amosar o seu traballo a todas e todos os veciños do concello, como para as parroquias que ven deste xeito como aumenta a súa vida cultural”. Tanto Lourenço Cruz coma Álvarez Lastra mostraronse optimistas co resultado deste tipo de concertos e afirmaron que “co paso do tempo e das actuacións comprobamos que cada vez é maior o número de público dos núcleos rurais que se achega a eles”. Ambos e dous deixaron patente o seu compromiso de seguir adiante con esta iniciativa nos meses vindeiros.

Concerto na sede da EMMeD de Ribadeo

O mesmo xoves día 29, ás oito e media da tarde na Casa do Mar, a EMMeD de Ribadeo ofrecerá un concerto de varias das súas formacións antes do comezo das vacacións de Pascua que se van
prolongar até o martes dez de abril. No concerto van participar os alumnos e alumnas do curso de preparatorio así como grupos de metais, de percusión, de percusión, de corda, de guitarras e as alumnas de ballet.
Lourenço Cruz amosouse convencido de que “a realización de concertos deste tipo vai en beneficio dos nenos e nenas porque se acostuman a tocar diante do público e á rutina dos ensaios parapreparar unha actuación”.

No hay comentarios: