lunes, 26 de febrero de 2007

Congreso sobre a figura de Pascual Veiga


Seis meses máis tarde do pasamento de Pascual Veiga (acontecido o 12 de xullo de 1906), grazas ás xestións realizadas por Fontenla Leal en Cuba, interpretarase no Gran Teatro do Centro Gallego de La Habana "Os Pinos", poema de Eduardo Pondal posto en música por Veiga, que moi pronto será considerado como o Himno de Galicia, malia que a obra foi composta por Veiga en 1890. As investigacións realizadas ao redor do compositor e do himno levan a confirmar que a interpretación en Cuba do himno, non corresponde á data da estrea, senon que esta tivo lugar polo menos dez anos antes. Todos estes datos serán obxecto de análise durante o congreso.
O 18 de setembro e tras unha subscrición popular, os seus restos mortais trasládanse á súa vila natal. A fama sobranceira da súa “Alborada” e do Himno, obra identitaria para os galegos de ambos os lados do océano, eclipsou o resto da súa produción compositiva e os seus propios datos biográficos, que este congreso sobre a súa figura ten a intención de restituír.


A Consellaría de Cultura e Deporte está a promover un proxecto de investigación sobre Pascual Veiga que inclúe a edición integral da súa obra. O obxectivo é facer unha análise rigorosa e científica sobre a súa música, que vaia máis alá da coñecida Alborada e do Himno Galego. Trátase de inserir a súa figura na tradición cultural galega e europea. Para iso estanse a consultar fontes galegas e estatais relacionadas co labor de Veiga como compositor, profesor, e creador e director de orfeóns. Este traballo permitirá realizar unha edición completa da súa obra en dous volumes, onde o segundo deles estará centrado no himno galego e as súas variantes.


Congreso en Compostela os días 1, 2 e 3 de marzo de 2007

No hay comentarios: