miércoles, 10 de febrero de 2010

Bota a camiñar a II edición do Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval



















Xa está aberta a inscrición para a II edición do Certame de Intérpretes Mozos Hernán Naval que se vai celebrar os vindeiros 1 e 2 de maio de 2010. O evento está organizado pola delegación de cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Deputación de Lugo a través da súa Vicepresidencia Primeira - Cultura e máis a Asociación Cultural Musiqueando. O prazo de inscrición estará aberto até o 16 de abril. Para máis información pódese chamar ao teléfono 982130856 ou ben no enderezo electrónico esmu.municipal.ribadeo@edu.xunta.es
Adxúntase tríptico coas bases así como foto da presentación á que asistiron Mari Luz Álvarez Lastra (concelleira de Muller e Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo), Teresa González (presidenta da Asoc. Amadores da Música) e máis Suso López (presidente a AC Musiqueando).

viernes, 5 de febrero de 2010

CONCERTO BENÉFICO

A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo, entidades organizadoras do concerto solidario que se celebrou en Ribadeo co fin de recadar fondos para axudar ás vítimas do terremoto de Haití, entregaron onte mércores os 2000 euros (dous mil euros) que conseguiron tanto coa venda de entradas como coa Fila 0 que estivo aberta no Banco Pastor. Os cartos conseguidos ingresáronse na conta da Cruz Vermella en Lugo, que mostrou dende o primeiro momento o seu apoio a esta actividade, para que sexan destinados ás tarefas de reconstrución do país latinoamericano
As entidades organizadoras queren facer público o seu agradecemento a todas aquelas persoas ou entidades que fixeron posíbel o desenvolvemento dun concerto que contou co apoio e o traballo desinteresado do persoal do Auditorio Municipal Hernán Naval, de Gráficas Ribadeo e máis do claustro de profesoras e profesores da EMMeD de Ribadeo. Así mesmo destacan a boa predisposición mostrada en todo momento polas alumnas e alumnos da Escola Municipal de Música e Danza á hora de planificar ensaios co fin de preparar o concerto. Pero, sen dúbida, o maior agradecemento queren transmitilo ás persoas que se achegaron ao Auditorio Municipal Hernán Naval para presenciar o concerto e a todas e todos aqueles que depositaron os seus donativos na Fila Cero ao longo destes quince días.