martes, 26 de enero de 2010

ANTROIDO 2010

QUERES PARTICIPAR NA CHARANGA DA EMMeD DE RIBADEO?

PODES ANOTARTE EN DIRECCIÓN ATA O SÁBADO DÍA 30 DE XANEIRO.
AS/OS ALUMNAS/OS CON IDADE INFERIOR AOS 9 ANOS DEBERÁN IR ACOMPAÑADOS DO SEU PAI/NAI OBRIGATORIAMENTE.

O PRIMEIRO ENSAIO QUE REALIZAREMOS SERÁ O SÁBADO 30 DE XANEIRO ÁS 16.00 h. NO COLEXIO GREGORIO SANZ.

O DISFRAZ SERÁ DE MEXICANOS. O MATERIAL NECESARIO SERÁ: UN PONCHO E UN SOMBREIRO MEXICANO.

CALQUERA DÚBIDA QUE TEÑADES PODEDES RESOLVELA EN DIRECCIÓN.

martes, 19 de enero de 2010

AVISO IMPORTANTE!

Por motivos alleos á organización do evento, o Concerto Benéfico que se ía celebrar o vindeiro venres día 22 de xaneiro ás 20.30 horas no Cine Teatro trasládase ao Auditorio Municipal Hernán Naval.

Este concerto está organizado pola Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música, a Asociación Cultural Musiqueando e máis o Concello de Ribadeo.

O obxectivo principal desta actuación é a recollida de fondos para axudar ás vítimas do sismo ocorrido en Haití polo que se fai un chamamento á participación masiva das e dos ribadenses. O diñeiro obtido pola venda de entradas, a un prezo de cinco euros, será doado á Cruz Vermella que levará a cabo traballos de axuda á reconstrución do país.

lunes, 18 de enero de 2010

CONCERTO BENÉFICO

O vindeiro venres, día 22 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Cine Teatro de Ribadeo celebrarase un concerto solidario co fin de recadar fondos para axudar ás vítimas do terremoto acontecido en Haití a pasada semana. Esta actividade está organizada pola Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música (entidade promotora da Banda Municipal de Ribadeo), a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Delegación de Cultura do Excmo. Concello de Ribadeo.
O obxectivo principal deste evento é a recollida de fondos para axudar ás vítimas do sismo ocorrido en Haití polo que dende a organización se fai un chamamento á participación masiva das e dos ribadenses para respaldar coa súa presenza o apoio, dende a distancia, da vila de Ribadeo ao pobo haitiano.
O diñeiro obtido pola venda de entradas, a un prezo de cinco euros, será doado á CRUZ VERMELLA que levará a cabo traballos de axuda á reconstrcción do país unha vez que rematen as tarefas de retirada dos cascallos e máis de soterramento dos milleiros de mortos que deixa tras de si esta catástrofe natural. Así mesmo prestarán atención tanto médica como sicolóxica ás persoas que saíron vivas da traxedia. A cruz vermella forma parte da Coordinadora galega de ONG´s.
A organización pon en marcha tamén unha Fila Cero co obxectivo de que aquelas persoas que así o desexen ingresen alí o seu donativo malia que non podan asistir ao concerto. A conta estará aberta ao longo deste semana e até o 25 de xaneiro no Banco Pastor co número 0072 0207 11 0000104948.
Alén deste obxectivo principal, as entidades organizadoras fixeron fincapé noutro dos piares que moven a organización deste acto: fomentar o espírito de solidariedade entre as mozas e mozos que forman parte tanto da EMMeD de Ribadeo coma da Banda Municipal ribadense. Esta non é a primeira ocasión na que alumnas e alumnos da Escola e máis da Banda se suman a actos con fins solidarios e tanto dende o centro educativo coma dende a Banda mostran a súa disposición a seguir traballando nesta liña non só en momentos puntuais coma este, tamén ao longo de todo o ano alimentando a conciencia crítica dos rapaces e rapazas e convidándoos a poñer o seu gran de area para lograr un mundo máis xusto e igualitario.