
Un concerto cheo de sorpresas e novidades
A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo celebra este
venres día 18 de decembro ás oito do serán no Auditorio Municipal
Hernán Naval o seu tradicional festival de Nadal.
Trátase dun dos eventos clásicos do nadal ribadense que un ano máis
agocha, en palabras do claustro de profesoras/es do centro, “numerosas
sorpresas e algún que outro detalle que se afasta moito do visto en
anos anteriores”. Un dos exemplos é a decoración que non vai ter nada
que ver co nadal. Os temas centrais do concerto son “o mar, a vila e
as xentes de Ribadeo” que irán achegándose ao escenario do auditorio
ribadense a través dun conto “con moitas referencias á sociedade da
comunicación na que vivimos onde as cartas mudan en e-mails”. Unha
historia onde non faltará a música de todas as alumnas e alumnos da
EMMeD de Ribadeo. “Haberá danza, gaita , clarinetes, saxofóns,
guitarras, piano, percusión... E no repertorio xogaremos cos ritmos
heteroxéneos, dende o jazz ás panxoliñas”, sinalaron as profesoras e
profesores do centro.