A Consellería de Cultura e Deporte, a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), destinará este ano un importe global de 1.569.800 € a seis liñas de axuda dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego. Os grandes apartados que centran este apoio económico son a produción de montaxes teatrais e coreográficas; a distribución e promoción de espectáculos de teatro, música e danza; a dotación técnica dos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios; a programación de salas privadas de teatro; as actividades asociativas; e as actividades de estudo e de investigación que teñan por obxecto este ámbito artístico.
O programa completo de axudas foi presentado hoxe pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e mais o xerente do IGAEM, Miguel Martín, nun acto no que participou tamén o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, xa que este departamento da Vicepresidencia da Xunta de Galicia asume a metade da dotación de 60.000 euros destinada á modalidade de producións de nova creación. Todas estas axudas serán publicadas mañá no Diario Oficial de Galicia.
Na presente convocatoria configúranse definitivamente as axudas á distribución, que contan cun investimento de 215.000 €, como medida de fomento da proxección exterior da nosa produción escénica e musical, cunha aposta pola súa presenza fóra de Galicia e a súa participación nas principais feiras e plataformas de exhibición. Nesta mesma categoría faise fincapé na difusión da música a través da inclusión, por vez primeira na traxectoria do IGAEM, dun apartado de apoio específico á promoción de traballos editados durante 2007 e segundo semestre de 2006, do que serán beneficiarios as empresas discográficas.